Rodada en Rianxo 07/06/2010

Finalmente arrinquei cara á Lanzada, para tentar rodar antes de que empezase a chover… Cousa que sucedeu en canto me incorporei á autoestrada. Visto o visto, decidín minimizar o coste en tempo e cartos do intento de rodar saíndo en Padrón, e enfilando cara Rianxo.
Ó chegar segue a chover, inda que pouco. Miro para un lado, miro para outro, remexo no asento do coche e por fora, e finalmente monto o buggy, cando xa vai parando a choiva.

Como sempre en Rianxo, hai moito máis vento no aparcamento que na praia. Baixo con 1,7, 2,5 e 3,8 sendo esta última a talla máis axeitada. E a elo. Os primeiros corenta minutos da sesión dánseme bastante ben. A praia ten pouco ancho de area dura para dar as curbas, polo que hai que optar por xirar en seco. A mellora da miña técnica quedará para mellor ocasión.

Non podía faltar un pouquiño de choiva no medio da sesión. Nada grave, inda que a bora mollouse un pouco, notándoselle no rendemento. Secou e recuperou rápidamente en canto as pingotas desapareceron. A partir da chuvia, o vento baixou. Cando levaba unha hora e cuarto era o momento de sacar unha talla máis, para o que tiña que ir ate o coche. Valorando o risco polo racheado do asunto, e que tiña ós meus fillos solos na casa, decidín deixalo e ir a darlles a cea.

O resumo da xornada: 41.3 Km en 1:33 h, Máxima de 46,7 Bastante ben, pero últimamente se non paso de 50 non acabo de quedar contento 🙂

Aprobado !!!

O xoves 20/05/2010 saiu no DOG a resolución do tibunal na que se di que aprobei as oposicións de grupo A2, Escala de Xestión de Sistemas de Información. Para entendernos: informática da Xunta, grupo A2.

Faime tanta ilusión que subín o ficheiro da resolución:

Despois de moitos anos traballando (13 se somos estrictos, 11 se non contamos un master como estudio de oposicións), coidando familia e estudiando, finalmente acadamos este obxectivo.

O plural non é maiestático, este é un éxito de toda a familia, que tivo que facer renucias, sufrir e apoiar a actividade de estudio. Á miña querida muller, ós meus fillos, e ó resto da familia: GRAZAS.

Grazas tamén ós amigos, que transmitiron apoio e confianza. Grazas ós que en moitas ocasións estudaron comigo, pola axuda prestada. Grazas ás academias nas que fun a clase. Grazas ás persoas que poñen ó seu coñecemento a disposición do mundo en internet. Todo foi necesario. Como en algúnhas competicións ciclistas duramente disputadas por etapas, conseguimos a “victoria” o último día, entrando polos pelos no corte e defendendo con uñas e dentes a ventaxe adquirida anteriormente

E por suposto, grazas a Deus polo regalo dun traballo estable nestes difíciles tempos.

E cas grazas, o meu compromiso persoal: traballar na Administración Pública buscando lealmente o ben común. 😀